A Sauna do Castro «O Castelón» en Castañoso (A Fonsagrada)
julio 16, 2017 6:01 pmO día 13 de xullo de 2017 remataron os traballos de escavación no castro «O castelón» de Castañoso (A Fonsagrada), realizados pola empresa «Terra Arqueos» dirixidos polo arqueólogo Luis Francisco López e o restaurador Miguel Ángel López Marcos. Faltan só algunhas tarefas de acondicionamento de restos e de instalación de paneis divulgativos e sinalización.
Estes traballos, iniciados no mes de xuño, continúan a escavación realizada nunha primeira fase no outono de 2015 na que se descubriu e se reconstruíu cos materiais atopados unha construción termal («sauna») do tipo aparecido con antelación nos castros escavados na conca do río Navia en Asturias (cos que máis se asemella), emparentado tamén co tipo de «sauna» dos castros de Entre Douro e Miño en Portugal. No resto de Galicia aparecen exemplos espallados de «saunas» en Espasande (Ortigueira), Borneiro (Cabana de Bergantiños) e Augasantas (Allariz).
Foi o Museo da Fonsagrada quen impulsou a intervención arqueolóxica tras tras ter coñecido a existencia de restos de paredes abovedadas no castro a través das novas transmitidas dende os anos 80 polo estudoso da arqueoloxía local Enrique López. Dende o principio contouse coa estreita colaboración do Concello de A Fonsagrada que converteuse en promotor da intervención ante a Xunta de Galicia (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que portou 20.000€), nunha primeira fase de escavación en 2015, e ante a Deputación Provincial de Lugo que investiu 45.000 € na presente campaña de 2017. Contouse tamén cunha eficaz intervención do colectivo «Mariña Patrimonio» en canto ó difusión da importancia do xacemento e a necesidade da súa preservación.
Na segunda fase da escavación (2017), descubriuse no monumento termal unha nova súa, como posible Ámbito frío do mesmo, engadido ás salas tépeda e cálida xa escavadas en 2015. Tamén descubriuse o entorno pavimentado e calzada de acceso á sauna, así como un novo acceso en escaleira e o sistema de condución de auga escavado na rocha.Despois destes traballos cóntase coa configuración completa da sauna: forno, cámara quente con pia para a produción de vapor, «pedra formosa» como separación coa cámara tépeda e cámara fría, incluída unha fumeira no forno. Así mesmo continuouse a escavación e reconstrución dunha vivenda escavada someramente en 2015, así como de outra vivenda lindeira escavada agora na súa totalidade. Ambas construcións amosan alturas capaces para dúas plantas.
Os materiais atopados ata agora non son abondosos (fíbula, cerámica común e de importación), relacionados todos coa época de ocupación romana, cando a actividade do castro se centraría nas minas de ouro da contorna.Sen embargo a tipoloxía das vivendas demostra unha tradición construtiva indíxena, máis comprobable na sauna e o seu entorno. De todos os xeitos algún dos restos carbonizados e mesmo de madeira atopados serán analizados coa técnica de C-14 para conseguir unha datación precisa.
Unha aproximación interpretativa da función da «sauna» conta coa posibilidade de que se trate dun recinto destinado a un culto relacionado coas augas, actividade indíxena que debeuse manter durante a dominación romana.
En futuras fases de escavación pretenderase intervir nos agora visibles restos de muralla para o seu levantamento e consolidación así como no resto de vivendas que entre sete ou oito mostran visibles restos de algún dos seus muros. Pero as expectativas principais estarán en poder determinar a través da investigación do xacemento, se a sauna estaba construída ou non antes da colonización, se se trataba dun uso para un rito indíxena, mantido incluso durante a dominación romana, e non unha mera imitación dos usos termais romanos. Trataríase de confirmar ou non a afirmación do historiador grego ao servizo de Roma, Estrabán, da existencia de baños de vapor entre os indíxenas que vivían nas inmediacións do río Douro, según datos que proveñen das campañas de Décimo Xuño Bruto (Séc. II a.C.). (González Ruibal).
O arqueólogo escavador de varios castros da conca do río Navia, Ángel Villa, así o sostén, aportando probas de datación dos niveis estratigráficos do castro de Pelou (Grandas de Salime), como da reutilización en época romana da sauna de Chao de San Martín (Grandas de Salime).
Outros arqueólogos como Eduardo Ramil (escavador de Espasande), sosteñen a indubidable romanidade desa sauna, dado o contexto exclusivamente romano en que se atopa.
As citas anteriores son só dous indicadores do debate aberto entre os especialistas que necesita, sen dúbida, do aporte de novos elementos que só a investigación arqueolóxica sobre o terreo, como a de Castañoso, pode aportar.
A Fonsagrada. Xullo 2017.
Categorised in: Sin categoría
This post was written by administrador
Comments are closed here.