Varios veciños levan un telar dende o Museo, en desaloxo, ao local de Dona Josefa Pérez, no ano 1992.

Local e instalacións das salas

Dende a súa fundación ata o ano 1992, o Museo dispuxo dunha ala do edificio das antigas escolas municipais da vila. A falta de entendemento co Concello provocou que dende aquela data o Museo tivera que refuxiarse nun local propiedade de Dona Josefa Pérez como mero almacén, sen abrirse ao público. Naquel momento o Museo sufriu graves dificultades. Foi gracias ao seu carácter de fundación popular polo que o Museo poido sobrevivir, xa que sen o sostido interese dos 140 socios – patróns non houbera sido posible manter viva a idea do Museo nin houbera sido posible a súa reapertura 6 anos despois.

O ruinoso estado dese local, así como a insuficiencia da súa superficie e sobre todo o interese popular moveu á Corporación Municipal elixida en 1995 a ofrecer ao Museo a utilización dos 700m2 dun edificio que viña servindo como ambulatorio da Seguridade Socail. Por medio dun Convenio asinado en 1998, polas dúas partes establecéronse as relacións entre o Museo e o Concello, que se comprometeu á rehabilitación interna do edificio e a colaborar non sostemento do Museo. A nova instalación ficou por fin rematada no outono de 1998. Daquela foi a reapertura do Museo ao público, aínda que as obras de adecuación da fachada fican hoxe sen rematar. Seguindo un proxecto dos arquitectos Xan Casabella López e Xosé Díaz Vieitez, pretendese rematar para o ano 2001 a totalidade da obra que inclúe o revestimento das fachadas en pedra e lousa, a instalación dunha celosía de madeira sobre as galerías da fachada principal e a construcción dun vestíbulo engadido á entrada.

O Museo dispón de 700m2 de superficie distribuídos en tres plantas nas que se mostran as distintas seccións, que se describen máis adiante, nas que a gran amioría das pezas son doación desinteresada de veciños de toda a comarca.

© Museo da Fonsagrada