MENÚ

Manuel do Juano

Manuel Fernández Díaz

San Martín de Suarna 1935

Nace en San Martín de Suarna o 25 de outubro de 1935. Como a maioría dos nenos das familias labregas da súa época, vai coa facenda ao monte e ocupa o seu tempo en facer pipas de castañeiro coas que tentaba imitar aos gaiteiros da contorna. Pero andando o tempo non se conformou con iso e pasou a fabricar unha gaita cun punteiro de bieiteiro (que ten o interior oco) ao que acoplou unha vexiga de cocho a modo de fol. Medrou nunha época na que había aquí moitos gaiteiros e foi un grande admirador de moitos deles. Con 13 anos consegue xuntar os cartos e compra a súa primeira gaita ca que empeza a asistir ás polavilas, mallegas, magostos e entroiros da parroquia.

Coñece a Emilio do Vilarón, gaiteiro xa consagrado do que aprende moitas pezas, co que establece amizade e que, andando o tempo empeza a recomendalo para aquelas festas ás que el non podía acudir. Queda exento de facer o servizo militar por ter seu pai de máis de 65 anos e continúa a tocar polas aldeas. Emigra a Barcelona e, no ano 1959, casa con Rosalía Neira de Vilagocende. Ao ano seguinte, falece o pai da súa muller e esta é reclamada polo seu avó, o que fai que Manuel e Rosalía, coa súa filla pequena, volvan para Vilagocende, onde pasarán 2 anos, nos que Manuel seguiu tocando alí onde o chamaban. De novo volven emigrar para Barcelona no ano 1962 e no 1963 entra a traballar nas rotativas do diario “La Vanguardia” onde pasará todo o resto da súa vida laboral. Teñen outras dúas fillas e Manuel pasa uns 10 anos sen tocar a penas a gaita.

No ano 1973, despois de quedar viúvo, retoma a súa afección pola gaita. En distintas festas e na Asociación Galega Rosalía de castro, coñece outros gaiteiros de outras zonas de Galicia tamén emigrados coma el e con algúns deles funda o grupo “Os nabeiros de Lugo”. Casa de novo, agora con Nieves Cadenas, e volve vivir cerca do Centro Galego de Barcelona que pasou a frecuentar e a participar en múltiples actividades, como tocar para a xente que estaba a aprender.

No ano 1999 gravou un CD titulado “Camiño da Fonsagrada” co quinteto chamado Galicia Enxebre e no ano 2000 xubílase e volve, coa súa muller a vivir a San Martín de Suarna. A partir de aí contacta con el Emilio do Pando para formar o grupo “Amigos da gaita” co que tocará moitas veces pola contorna.

 

 

Autorías, bibliografía e webgrafía

-VV. AA: Manuel do Juano. Manuel Fernández Díaz. Editorial Canela. Tradición oral. Xullo 2021

Foto: Manuel Fernández

ANT. SEG.