MENÚ

O camiño primitivo de Santiago

As viaxes e as peregrinacións foron e son esenciais para a experiencia humana. Como dicía o aforismo dun escritor francés: “No principio estaba o camiño”. Poderiamos afirmar que no seu significado real e metafórico estaba e está O Camiño Primitivo que os peregrinos de hoxe en día, nun tránsito case ininterrompido desde os romeiros medievais, seguen percorrendo por estas terras da Fonsagrada construíndo a vida paso a paso.

A historia do Camiño

A Idade Media foi unha época de grandes peregrinacións fundamentadas no fervor relixioso. É neste contexto que aparece cerca de Compostela, en Iria Flavia, un sepulcro cuns restos que son atribuídos a Santiago «O Maior».

Alfonso II «O Casto», rei de Asturias e Galicia constrúe o primeiro templo dedicado ao apóstolo e realiza, segundo as crónicas, a primeira peregrinaxe: O Camiño Primitivo, desde a cidade de Oviedo, que se prolongou, uníndose co Camiño Norte que traían dende Irún os romeiros que empezaban a afluír de todas partes de Europa.

Todo camiño transitado xenera un patrimonio material concretado na construción de infraestruturas: igrexas, lazaretos e hospitais como o de Montouto,  dos que nalgúns casos aínda hai restos, entre outros bens. Parello a este existe un patrimonio inmaterial de lendas, cantigas, intercambios culturais, etc.

O «noso» Camiño pasou por épocas de decadencia e volveu a florecer a partir de 1992  grazas á insistencia dos veciños, do Museo da Fonsagrada e do seu gran valedor, Ricardo Polín.

Se queres saber máis detalladamente a orixe, historia e percorrido, consulta o artigo de M. Trinidad Fernández premendo no botón seguinte e lendo o texto que achegamos.

Romeria no Real Hospital de Santiago de Montouto nos anos 90
Romeria no Real Hospital de Santiago de Montouto nos anos 90
Marcando o Camiño Primitivo
Marcando o Camiño Primitivo

Autoría:

Dos textos:

-Da introdución: Responsables da páxina

-Do artigo anexo: M Trinidad Fernández

Das fotos:  Manuel Fernández «o Foteiro», Laura Fernández, Alejandro Ocampo, Isabel Fernández e arquivo do Museo

ANT. SEG.