MENÚ

Os nomes de lugar

Os topónimos ou nomes de lugar son unha fonte de coñecemento histórico que nos permite saber do pasado dos lugares que habitamos e, ao tempo, constitúen un importante patrimonio lingüístico, pola súa diversidade, e porque conservan, en moitos casos, palabras antigas xa desaparecidas na lingua común.

Os nomes de lugar

Cando pensamos no despoboamento do rural, inmediatamente vénsenos á cabeza o abandono do terreo que serviu durante anos para alimentar a tanta xente. A pouco que nos paremos a pensar na lingua que falamos e a comparemos ca que falaban os e as nosas antepasadas, facémonos conscientes da cantidade de palabras e expresións que utilizaban e que xa non usamos, como xa mencionamos no proxecto “A memoria das palabras” nesta mesma páxina.  Pero poucas veces se fai tan evidente a perda dun caudal enorme de riqueza lingüística como cando pensamos nos nomes de lugar, os topónimos. Máis aínda se temos en conta que conservan, moitas veces, nomes antigos que xa se perderon hai tempo na lingua común.

Os macrotopónimos permítennos saber do pasado dos pobos e lugares que habitamos. Moitos deles están relacionados con obxectos naturais como plantas (ex: Carballido, Castañoso, Ortigoso, etc), animais (ex: Monteseiro: “Monte oseiro”), características físicas do relevo (Chaín, Montouto, etc), augas (Ribón: “Río bo”, A Fonsagrada, etc), pero tamén con establecementos humanos e cos nomes dos seus posuidores (ex: Castro, Vila, Vilar, Vilarín, Vilardongo: «Vila de Dominicus», Vilapiñol: “Vila de Pinneolus”, etc), construcións e vías de comunicación (ex: Cabana, Paradanova, etc), aproveitamentos do terreo (ex: Braña: pastos de verán, Ferreirola, Muíña, etc), nomes de santos, etc. De todo isto trata a investigación levada a cabo polo lingüista alemán Joseph M. Piel  publicada no ano 1961: «Semblanza toponímica de un ayuntamiento gallego: Fonsagrada«.

Da toponimia da Fonsagrada tamén trata o interesante estudo de Nicandro Ares, onde explica, parroquia por parroquia, o significado que distintos especialistas propoñen para os nomes de pobos e aldeas. Premendo no botón máis abaixo, podes descargalo.

Galicia nomeada

Os macrotopónimos, como os nomes de parroquias ou aldeas, están recollidos, pero non ocorre o mesmo cos microtopónimos. Cada casa, leira, camiño, ponte, fonte ou calquera accidente xeográfico tiña un nome que desaparecerá irremisiblemente se non facemos nada. A boa noticia é que aínda estamos a tempo de evitalo, aínda hai moitas persoas que coñecen cada recanto do territorio e temos ferramentas para recuperar e conservar eses topónimos.

No ano 2020 comezou a andar o proxecto “Galicia nomeada” para recollida de microtoponimia, impulsado pola Real Academia Galega e e Xunta de Galicia. Trátase dunha plataforma colaborativa na que podemos participar calquera de nós, desde o teléfono móbil ou o ordenador. É moi sinxelo: hai que rexistrarse e, co nome de usuario/a e contrasinal que facilitan, accédese á aplicación. Sinalamos sobre o mapa ou a foto aérea o lugar e poñemos o nome na caixa de diálogo. Tamén podemos suxerir correccións ou modificacións cando nos pareza que os que topónimos que hai marcados non se axustan á realidade.

Preme no botón máis abaixo para ver a páxina do proxecto, onde tamén podes consultar os topónimos da Fonsagrada que xa hai marcados e engadir os que coñezas.

Autorías:

Do texto: Laura Fernández

Do artigo anexo: Nicandro Ares

Das fotos: https://galicianomeada.xunta.gal/

ANT. SEG.