As festas patronais
As festas do patrón ou patroa celebrábanse en case todas as aldeas, e máis se eran sé parroquial, pois en todas había unha capela ou igrexa dedicada a un santo. Eran famosas: o San Benito en San Pedro de Neiro, o Carme en Lamas de Moreira, o San Roque en Lamas de Campos, O San Cibrán na Trapa, no que tamén había feira… E así ata un sinfín de patróns e patroas que había que honrar con festas. Estas daban traballo a muitos músicos da comarca: primeiro gaiteiros, pero tamén se foron sumando violinistas, clarinetistas, tocadores de trompa e filarmónica e finalmente acordeonistas. Para ser contratado para unha festa patronal, a dicir de Manuel do Juano, un gaiteiro tiña que ter nivel, tiña que saber requintar. O que non requintaba non era bo gaiteiro.
En xeral, a mordomía correspondíalle cada ano a una casa, que era a encargada de preparar a capela, pagarlle ao cura que ía dicir a misa e chamar a un gaiteiro para o baile de pola tarde. Este papel ía rotando de casa en casa. Facíase a misa ás 12 ou 13 h da mañá e despois, en cada casa celebrábase unha das festas importantes do ano, á que se convidaba aos parentes e amizades doutras aldeas. Ese día botábase a casa pola ventá no que a comida se refire. Podía haber unha sopa de primeiro pero despois, un prato abundante de carne e de sobremesas: roscón e, máis adiante, tamén flan. Corría o viño e a augardente, ao que máis adiante se sumou o viño doce ou o anís. E a alegría de xuntárense a familia extensa e amizades que non se vían todos os días, era o que dominaba a reunión.
Pola tarde empezaba cedo o baile no adro da igrexa ou capela, ou nalgún outro lugar habilitado para iso. E tamén remataba cedo; o horario viña marcado pola luz solar, porque na maior parte das aldeas non había luz eléctrica, as pequenas plantas de luz que había nalgúns ríos daban para pouco e a conexión á rede eléctrica tardou en chegar. A ese baile concorría xente doutras aldeas próximas, sobre todo mozos, pero tamén mozas e era un momento no que se formaban moitas parellas.

