Feiras e festas ao longo do ano
A primeira feira do ano era o San Sebastián, que se celebraba o día 20 de xaneiro.
O día 25 de marzo era a Nosa Señora, feira grande. En abril, o día 25, celebrábase o San Marcos. Feira moi grande, na que se compraba planta de horto, remolacha, tomates pementos, etc que viñan da Ribeira onde se facían sementeiros. En maio, o día 15 era o San Isidro ao que viñan Bandas de música do exército, segundo recorda Manuel de Juano no libro a el dedicado. En maio tamén, en data variable, a Ascensión e en xuño o corpus, tamén en data variable, con procesión e baile á tarde-noite.
En xuño, o día 24, era o San Xoán, feira na que abundaban as cereixas e os queixos, xa que a primavera era época de moita pación nos prados e polo tanto de moito leite. De feito hai un ditame: «Por San Xoan, máis queixo e menos pan». En xullo, o día 4, celebrábase a Santa Isabel. A esta feira chamábaselle «a feira dos curas» porque, segundo se di, viñan a ela buscar criada, pero tamén podía ser porque eran datas nas que os curas estaban máis desocupados, xa que a xente tiña moita faena coa sega. En xullo xa ben avanzado o século XX, co aumento do número de coches, empezouse a facer a festa dos chóferes, o San Cristóbal, con procesión dos vehículos engalanados e festa-baile con orquestra pola tarde-noite. En agosto, o día 15, era a Asunción; unha feira moi concorrida desde os anos sesenta, porque volvía de vacacións moita xente que estaba na emigración en Suiza, Barcelona, Madrid, etc.
En setembro, as feiras e festas patronais da Fonsagrada (a Santa María). Os día grandes eran o 8 e o 10, pero chegaron a durar catro días, alo menos. Estas feiras, xunto coas San Lucas en Mondoñedo foron as máis importantes e antigas da provincia de Lugo. O día 8 era, preferentemente, de gando vacún e o 10 de burros, cabalos e mulas, polo medio, o día 9 feira de mantas tecidas nos teares da comarca e das mantas que traían os comerciantes Maragatos. Anos despois empezouse a a celebrar o día 11 como festa da vila facéndoa festivo local. Eran tamén festas moi concorridas, con música desde pola mañá e festa-baile á tarde-noite. A diferenza de outras feiras ás que acudían as persoas que precisaban comprar ou vender, a estas acudía practicamente toda a xente das aldeas, dende nenos a vellas e vellos, sendo, en moitos casos, o único momento do ano no que se saía da aldea.
Tamén en setembro había a feira de San Mateo, que se facía no seu día, o 21, e que era unha boa feira, a pesar de ser tan preto dos feiróns do 8 e o 10. Nesta había moitas peselas, sinal de que se aproximaba o tempo das castañas. Por último, en novembro, o día 8, era a chamada Feira Nova.
En tempos, ademais das feiras da Fonsagrada, había feiras mensuais en Lamas de Moreira e unha feira anual importante na Trapa; a de San Cibrán.



