As cavadas, segas e mallegas
É difícil que un traballo tan duro como a cavada estivera asociado á celebración aínda que o que si parece que respectaba era as polavilas dos sábados. No libro “Manuel do Juano” recóllese o testemuño do propio Manuel que lle parece recordar, aínda que non o asegura, que o chamaban como gaiteiro para animar a cuadrillas de cavadores nalgunha aldea da serra, onde se cavaban grandes extensións. Si está confirmado isto para as segas. Pero nestas o esforzo xa o permitía e a celebración estaba asegurada. Xuntábase moita xente e cantábase, xiprábase e contábase ao tempo que se segaba, ataba e carretaba o trigo e o pan (centeo). Nestes traballos comunitarios xurdían ás veces competicións, medio en broma medio en serio, por “botar o burro” a outros, ou sexa acabar antes o traballo. O último ou última que acababa era a que” levaba o burro”.
En canto ás mallegas, xa falamos delas no apartado “O gran e a malla” da pestana da “colección”. A dureza do traballo non permitía moita festa mentres se facía, pero nos descansos a xerra ou a bota de viño pasaba de man en man, así como as bromas e os risos. E a festa viña ao final da mallega nunha aira, sobre todo na última do día, con comida especial: arroz con carne ou pito guisado e roscón e flan de sobremesa, por exemplo. E se había un gaiteiro ata podía armarse un baile.

