MENÚ

A música publicada

Moitas das recollidas musicais publicáronse, en discos ou libros-discos, programas de TV e páxinas web. Mostramos aquí unha listaxe da música da Fonsagrada publicada, en versión orixinal ou en traballos dedicados integramente á música tradicional da comarca. Outras recollidas permanecen aínda sen publicar.

No APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) dependente do Museo do Pobo Galego, do que poñemos a ligazón na pestana de recollidas, temos:

– Pezas recollidas por, Xosé Luis Rivas (Mini) e  Baldomero Iglesias (Mero) no ano 1978.

– Nos anos 1979 e 1980, Dorothe Shubart e Antón Santamarina gravaron para a elaboración do “Cancioneiro popular galego”, gravacións tamén dispoñibles no APOI.

Discos:

– No ano 1981, Pablo Quintana coordina o 1º volume da colección “Recolleita” (serie etnográfica) para a discográfica Ruada, un disco de vinilo que contén pezas de Florencio, o cego dos Vilares.

– No ano 1985 a discográfica Tecnosaga publica o 1º volume “derradeira polavila” dunha serie titulada “Música tradicional galega” e nese unha peza de Florencio.

– No ano 1989, no segundo volume “os ritmos bailables”, a mesma discográfica publica unha peza de Hermino Villaverde, “Herminio do Cazote” e outra de Ramón Cordo “Ramón do Chocolateiro”. No mesmo ano 1989, no 3º volume “ Cicro do ano”, a discográfica publica 3 gravacións a Herminio do Cazote: unha cencerrada, un conto do demo e unha oración para atopar os animais.

– No 1997, Mercedes Peón e Nando Cruz, publican o 1º volume da serie “Raiceiras”no que se inclúe unha muiñeira interpretada por Manuel de Serra coa harmónica e no ano 2002 o 2º  volume cunha Rumba de Santa Xuliá, á gaita.

– No ano 1998, Pancho Álvarez publica o disco “Florencio, o cego dos Vilares”, inspirado no repertorio deste violinista.

– No ano 2004, a Asociación de gaiteirxs galegxs publica, co asesoramento de Pablo Carpintero, dous discos, un dedicado a José Marentes, gaiteiro de Santa Xuliá e outro a César Fernández, César de Montixo de Leituego, tocador de gaita e trompa.

Programa TVG:

– No programa Alalá da TVG, dispoñible un Youtube, hai varios episodios dedicados a  instrumentistas Fonsagradinos. A ligazón ao episodio correspondente do programa incluirémola na ficha de cada personaxe singular da música.

Páxina Web:

– A Folkoteca galega tamén publica audios e partituras de varios artistas de aquí. Tamén incluiremos a ligazón na ficha do arquivo de personaxes singulares.

Libro-discos:

– A central Folque, Centro Galego  de Música Popular, publica dous libro-discos: no ano 2015 o libro-disco “Florencio, o cego dos Vilares” e no 2023 “Herminio Villaverde, A trompa na Fonsagrada”.

– Editorial Canela publica tres libro-discos; no 2012 “Nela de Bres” que aínda que naceu no occidente Asturiano tocaba na zona da Fonsagrada e con gaiteiros de aquí que se tratan tamén no libro, no 2015 “Siderio de Vilarmide” e no 2021 “Manuel do Juano” no que trata sobre estes e outros gaiteiros Fonsagradinos.

Libro con acceso QR a gravacións:

“O violín que trae o vento”, sobre Modesta, “A cega de Noceda”, editado por Adrián Méndez, con acceso mediante código QR a gravacións feitas por artistas actuais das pezas que debía tocar esta violinista, da que non se ten constancia de gravacións directas.

NOTA: Esta listaxe foi feita a partir da que Xulia Feixoo propón no libro “O violín que trae o vento”, que nós completamos e que seguiremos ampliando a medida que teñamos coñecemento de novas publicacións

Autorías e bibliografía

Bibliografía:

-FEIXOO, Xulia, MÉNDEZ, Adrián e RIOBÓ, Begoña. O violín que trae o vento. Edición: Adrián méndez. A Fonsagrada 2025.

Autoría:

-Dos textos: Responsables da páxina

-Da foto: Laura Fernández

ANT. SEG.