Aló na terra de Lugo,
na montaña de Burón
deuse un caso ben chocante
que causou admiración.
Vivíache unha patroa,
unha filla e unha neta.
As tres estaban solteiras
nunha casiña pequena.
Todas as tres tiñan mozo
todas querían casar
e maiormente a patroa
xa non podía aguantar.
Esta trata con un vello
medio xordo e xorobado
anque era moi bo mozo
e tamén tiña ben cartos.
A filla era media bruxa
e tamén tiña rapaz,
un xastre de mala morte
que andaba polo lugar.
A neta era moi noviña,
tiña vinte primaveras,
por ter só tiña un defecto
que era torta das pernas.
Esta tamén tiña mozo,
un gallardo paraugueiro
que cando viña ao lugar
botáballe algún remendo.
Un día tópanse xuntos
e entre os seis acordaron
casar todos nun día
para evitar moitos gastos.
A vella moi apurada
foi xunto ao cura correndo
antes de que algún dos mozos
cambiara de pensamento.
Boas tardes, señor cura,
téñolle que preguntar
por facer tres casamentos.
Canto nos pode cobrar?
Un cústalle trinta pesos
e os tres custan noventa
pero se son os tres xuntos
rebaixareilles a conta.
Claro que son todos xuntos
e todos no mesmo día
caso eu e a neta
e tamén casa a filla.
Nunca outra tal se viu
desde que son sacerdote,
tres casorios nunha casa
debe ser sinal de morte.
Non se estrañe señor cura
que non lle é ningún milagre,
é que topamos tres burros
e hai que telos ben seguros.
Un día de moito inverno
saíron para casar,
deixaron baleira a casa
e os rapaces do lugar…
…entráronlles na cociña
levaron a carne toda,
empanada e paella,
todo canto había para a voda.
Tocando cornos e latas
cinzarros e potes vellos
e foron para a xesteira
moi alegres e contentos.
Alí fixeron a festa
a costa dos casamentos.
O viño andaba por cuncas
e a carne por tarombelos.
Volvamos ás tres parellas
cando viñan de casar
pensando na gran enchente
que logo ían pillar.
Foi cando ao chegar á casa
toparon todo varrido
non hai cabra nin ovella
nin o pelello do viño.
Quen sería o galopín,
tan ladrón e desalmado?
dixeron os matrimonios
os tres a un tempo chorando.
Pois esta si que foi gorda
nunca eu tiver casado
que polo primeiro día
levamos un bo petardo.
Mais a conta foi despois,
ao chegar os convidados
topan as portas pechadas
e aos matrimonios chorando.
Que vos pasou meus amigos?
dixo un dos convidados
que estades todos tan tristes
como perdidos chorando.
Que é o que había pasar?
dixo a tía Micaela.
Mentres nós fomos casar
ata levaron a ovella
e non levaron a casa
porque non podían con ela.
Foi así que os convidados
sen poder probar bocado
tiveron que dar a volta
cos dentes ben afiados.
E os matrimonios á noite
foron cedo para cama
e coa fame que levaban
non puideron «brincar» nada.
Porque o baile «meus amigos»
dise que sae da panza
e todo aquel que non come
non vos ten gana de danza.
Tino do Caseiro de Llencias (San Martín de Suarna)