José Luis Veiega foi un fotógrafo de orixe asturiano que se instalou dende moi novo en Lugo, e que durante moitos anos traballou para o xornal El Progreso.
O seu Arquivo de máis de 250.000 negativos que abarca o período 1940-1992 foi adquirido pola consellería de Cultura en 1991.
O Arquivo Histórico Provincial de Lugo, lugar onde está depositado este fondo, cedeu amablemente ao Museo de Fonsagrada a reproducción dunha selección das fotografías relativas a A Fonsagrada.
As fotografías son case todas imaxes de persoas e grupos feitas por un «retratista», ao que imaxinamos saíndo polos pobos da provincia á procura de traballo. Podémolo imaxinar coa cámara ao colo entre a xente que acude ao mercado, dirixíndose aos grupos de rapazas e rapaces engaiolandoos coa atraínte maxia da fotografía. O resultado que vemos agora é imaxe dun mundo entrañable, estraído dunha dura época como a da postguerra pero que aínda así podía poducir na mocidade unha expresión entre inocente e divertida que agora vemos con agarimo e que algúns verán tamén con melancolía.
Estas fotografías uniránse a outras xa existentes no Museo para ir así formando un fondo de imaxes que recolle información sobre a xente, a historia e as cousas da Fonsagrada.
A exposición celébrase nun local facilitado por «Dominguín» debido ao desaloxo da sede do Museo, polo Concello para o seu derrubo, no antigo teleclube, á espera de dispoñer dun novo local para o Museo.