Novembro 2011

Eloxio da distancia

Olladas a un territorio (A Fonsagrada)
Fotografías de Cecilia Orueta

A exposición de Cecilia Orueta no Museo da Fonsagrada vén de mostrar que a fotografía se está instalando como unha das artes máis destacadas do noso tempo. A fotografía adquire o rango de arte cando, como no caso da obra de Cecilia, é capaz de transmitir ao espectador a experiencia da autora sobre os lugares ou escenas fotografadas (neste caso da Fonsagrada), cando transmite a percepción da atmósfera que os envolve, cando percibimos a historia latente que habita, por exemplo, tanto nas fías de lá prendidas do aramio que cerra unha finca como no coche que se atisba na lonxanía subindo pola estrada de montaña, envolta na brétema, como nos vasosde viño que pousan na mármore
da cociña que esperan o aprezo dos amos da casa á visita dos veciños recén chegados, como cando a captación da cotidianidade dun xubilado cavando na horta na compaña amistosa dunha pita, provoca a nosa inmediata simpatía e a comprobación do momento que vive o mundo rural.
Ante as fotografías de Cecilia axiña se descubre que non só consisten en documentos ou
testemuñas sobre A Fonsagrada nin por suposto tratan de ofrecer unhas belas estampas turísticas. Percibimos ao cabo que o que a fotógrafa pretende, e consigue, é transmitirnos sensacións, demostrando que efectivamente os sentimentos se poden fotografar, e que nesa facultade de transmisión descubrimos a arte que encerra a fotografia. O sentimento que vivimos ante unha paisaxe ou unha persoa, sentimento que se perde irremediablemente ao minuto seguinte de experimentarlo, queda apresado na fotografía grazas á pericia e ao sensitivo ollo da artista.
Cando deixamos a exposición saimos coa sensación de ter experimentado unha seimeira (fervenza) de emotividade, coa sensación de quedar máis abertos á percepción do que nos arrodea, de ter afinado un pouco máis a nosa sensibilidade, de exercitar doutra maneira a nosa mirada, contaxiada pola de Cecilia, descubrindo que no seu caso non só se dá a arte da mirada, senón tamen a arte da poesía.

Quedan poucos días para a clausura da exposición no Museo da Fonsagrada, días para experimentar a luz, a atmósfera, o frío do ambiente, a calidez da xente, na realidade a
descubrir por cada un e na realidade sentida por Cecilia Orueta nas súas fotografías.

El Progreso.
31.1.2012

© Museo da Fonsagrada